BIOMÁISCO2 é un proxecto creado no 2022 polo Grupo Operativo formado por Asefor, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, Bioeco2, a Universidade de Santiago de Compostela e Ramón Lourido. O obxectivo deste proxecto é fomentar montes saudables, diversos e resistentes mediante a xestión sostible dos bosques e a produción de produtos de longa duración que fomenten a absorción de CO2. Queren brindar novas oportunidades de comercialización do carbono almacenado nas masas forestais.
O Grupo Operativo viu que a produción de madeira pode xerar valores adicionais que ata o de agora foron pouco ou nada valorados. Unha delas é a absorción do CO2, o que axuda a reducir o impacto do cambio climático. E déronse conta de que, para aumentar a rendibilidade das masas forestais, é necesario investigar todas as posibilidades que ofrece a madeira, aínda que é necesario esperar a que cambie a normativa neste ámbito (actualmente só pódese comercializar o carbono dos bosques que foron incendiados ou os que se plantaron e foron desarborados dende 1989).
Este proxecto enfócase en tres áreas prioritarias: os sistemas de produción agrarios, a aplicación de tecnoloxías de información e comunicación no campo e outras actividades relacionadas coa produtividade, a sustentabilidade e a innovación no campo agrícola e forestal.
Con este proxecto queren presentar un enfoque innovador na produción forestal conectando ferramentas dixitais actualmente existentes en canto a modelos de crecemento no marco da silvicultura, a calidade da madeira ou a xestión sostible. Todo isto para desenvolver unha solución integrada que atribúe información sobre a contabilidade de emisións e absorcións no sector do uso da terra, cambios no uso e a silvicultura. Para iso, queren implementar unha estratexia práctica integral que involucre a todas as partes interesadas, incluíndo ás entidades encargadas da compensación de emisións, no proceso de posta en valor destas.
Con isto, pretenden mostrar como se pode calcular e compensar a pegada de carbono das actividades de xestión forestal, así como da madeira que chega ao seu destino na fábrica de serradoiros. Obterase unha fonte de ingresos a través da xestión de masas forestais que achegan recursos á contorna natural a través da compensación con proxectos de sumidoiros.
Para a súa realización, estiveron traballando na metodoloxía de estimación das absorcións de carbono nas masas forestais de cinco especies forestais de interese en Galicia: Pinus pinaster, Pinus radiata, Eucalyptus globulus, Eucalyptus nitens e Quercus robur. Esta técnica calcula o carbono almacenado nas árbores en pé e no chan, as emisións derivadas da redución do risco de incendios, o carbono almacenado nos produtos obtidos e a redución do impacto do uso da madeira en lugar dos combustibles fósiles.
Para calcular a absorción de carbono, realízanse cálculos previos (Ex Ante) e unha validación posterior (Ex Post) cada cinco anos no terreo, segundo a metodoloxía do Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO). Isto faise para verificar os valores e axustar as predicións Ex Ante. Os algoritmos e ecuacións de cálculo utilizados nesta técnica derívanse do modelo CO2FIX e foron modificados para adaptarse ás especies e ao clima de Galicia.
Os datos achegados polo xestor de masa e as predicións creadas polos modelos da Universidade utilizaranse para procesar e realizar os cálculos a través dunha API. Esta ferramenta facilita a estimación do tamaño, a biomasa e o contido en carbono dos rodales regulares que son obxecto do proxecto, e a realización dunha avaliación económica dos programas de xestión silvícola.
Para o desenvolvemento do proxecto, contaron cun orzamento de 135.397 euros financiado pola Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.