O presidente do Clúster, Francisco Álvarez, destaca que “apostaremos por un mellor aproveitamento dos recursos forestais e naturais”
San Cibrao das Viñas (Ourense), 24 de febreiro de 2021. Galicia conta xa co Clúster da Biomasa, unha asociación empresarial que nace para dar resposta aos retos do sector e para impulsar o uso das enerxías renovables. Durante o acto de constitución, o seu presidente, Francisco Álvarez, sinalou que “a defensa dos intereses comúns dos membros e do sector é un dos nosos obxectivos. Ademais, queremos identificar as necesidades que contribúan á diversificación do sector enerxético en Galicia”.
Para conseguilo, unha das accións do Clúster da Biomasa será a posta en marcha proxectos de cooperación que aposten pola innovación. Por outra parte, o organismo vai promover a internacionalización e a capacidade emprendedora. “Tamén queremos situar á biomosa como un sector de referencia, e apostaremos por un mellor aproveitamento dos recursos forestais e naturais”, destacou o presidente do Clúster, Francisco Álvarez.
A procura de financiamento, o impulso dos procesos de modernización industrial ou a dinamización de iniciativas lexislativas que fomenten a promoción da biomasa son outras das liñas de actuación nas que traballará o novo Clúster. “É un momento clave para definir unha nova estratexia da biomasa, por iso, queremos erixirnos como a mesa de negociación”, engadiu o presidente do Clúster, Francisco Álvarez.
O acto de constitución contou coa presenza do vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que puxo en valor o papel do novo organismo: “os bosques e a madeira son elementos de riqueza en Galicia e, neste contexto, o Clúster vai conseguir un maior aproveitamento dos nosos recursos, impulsará a economía circular e axudará a aumentar a competitividade do sector”.
Pola súa parte, o director de XERA, José Ignacio Lema, amosou a súa satisfacción polo feito de que a constitución do novo Clúster se realizase no Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira), que cumpre o seu 25 aniversario e “cuxas liñas de traballo encaixan coa estratexia do Clúster da Biomasa”.
O Director do INEGA, Juan Rodríguez Fernández-Arroyo, e a Directora Xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, asistiron tamén ao acto de constitución do Clúster da Biomasa de Galicia.
Más info: